
e-d: Olga Lema (Xunta de Galicia); Xesús López (Cultura) e Xúlio Gómez (Sinsal) | foto: Olaia Lojo
Os míticos Young Marble Giants, que voltan aos escenarios case trinta anos despois de editar o fulcral Colossal Youth (1980), e os congoleses Konono No. 1, a faciana menos coñecida da música africana, que Björk vén de incorporar ao seu último disco, protagonizan un programa que principiará a Estación Inverno este luns 18 de febreiro coa actuación dos brasileiros Kassin+2, o grupò do fillo de Caetano Veloso.

kassin+2
Chegado de Rio de Janeiro nunha das xiras máis agardadas pola crítica especializada europea, o proxecto que Moreno Veloso comparte cos músicos cariocas Domenico Lancellotti e Alexandre Kassin supón unha revisión da ricaz tradición musical do seu país.
En Futurismo (2007), o mesmo que nos seus anteriores traballos, achan acubillo o samba, a bossa nova ou a música popular brasileira dos anos sesenta ao mesmo tempo que o rock de garaxe, o favela funk ou a electrónica sutil. O resultado é Kassin+2, un interesante e actualísimo retrato da diversidade cultural do Brasil que encherá o vindeiro luns 18 , a partir das 21.00 horas, o auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo.
As entradas, ao prezo de 12 euros, xa están á venda na billeteira electrónica da entidade (www.servinova.es) e no teléfono 902 504 500.
Zu
A segunda cita, na edición Primaveira do Salón Sinsal, que se vén celebrando no Marco en paralelo ao festival, será para os italianos Zu o vindeiro 16 de abril. Con dez anos de experiencia, catorce discos no mercado e máis de mil concertos ás costas en todo o mundo, este trío de instrumentistas segue a investigar nas fronteiras entre o rock e o free jazz, unha combinación na que poñen tanta paixón como virtuosismo e que lles levou a colaborar con artistas como Mike Patton, The Melvins, Fugazi ou The Ex, entre outros.